Por segundo ano o programa audiovisual Vidas Mariñeiras chega aos concellos do Golfo Ártabro Norte. O prazo para que grupos de alumnos e alumnas de 3º e 4º da E.S.O e 1º de Bacharelato, presenten ideas relacionadas coa vida e a paisaxe na costa ou que teñan como punto de partida o retrato dos oficios vinculados ao mar remata o 3 de outubro.

Ata o próximo mércores 3 de outubro, o alumnado de 3º e 4º da ESO e de 1º Bacharelato dos concellos que abranxe o GALP Golfo Ártabro Norte (Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume) pode presentar proxectos audiovisuais enfocados á realización dunha curtametraxe.

Trátase do programa pedagóxico Vidas Mariñeiras, convocado polo Grupo de Acción Local Pesqueira Golfo Ártabro Norte no marco das actividades que organiza a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) co obxectivo de dinamizar e poñer en valor o litoral da súa área.

Vidas Mariñeiras contempla a selección, titorización e desenvolvemento de proxectos cinematográficos a cargo de profesionais do audiovisual nun programa formativo dunhas 50 horas, repartidas en varias sesións ao longo dos meses de outubro e novembro. O resultado: curtametraxes elaboradas polo propio alumnado que poderán ser de ficción, documentais ou experimentais e que terán como tema o medio mariño e todo o que o rodea.

Rodar unha peza audiovisual
Segundo explican as bases do programa, os proxectos deben ser grupais (entre 5 e 15 alumnos e alumnas) e centrarse nos oficios tradicionais, nas paisaxes, na cultura, na actividade produtiva ou na vida mariñeira local. Se resultan escollidos polo equipo técnico do programa, as rapazas e rapaces integrantes dos grupos finalistas terán un primeiro contacto co ámbito audiovisual da man de cineastas, tanto desde un punto de vista teórico como práctico, e crearán a súa propia peza audiovisual.

A historia do cinema e as fases e elementos necesarios para organizar, rodar e editar un filme (desde a escaleta de produción até os axustes finais de posprodución e masterización) son os eixos centrais do programa. E como broche final, as pezas audiovisuais resultantes proxectaranse ao público e estarán dispoñibles na web do programa (vidasmarineiras.gal).

As bases completas poden consultarse AQUl, e AQUÍ podes visualizar as curtametraxes gañadoras do ano pasado, que foron proxectadas nos Cines Duplex de Ferrol e no CGAI da Coruña.