Desde a invención do cinematógrafo, a sétima arte manifestouse como unha ferramenta privilexiada para documentar e dar a coñecer a diversidade da nosa sociedade e os nosos moi variados modos de existencia. Aínda hoxe é evidente o potencial da imaxe en movemento para dar conta do que facemos ou pensamos, das arelas e conflitos que atravesan calquera comunidade humana e de como estas poden achegarse ao mundo a través do cinema e a súa capacidade para fabular e, simultaneamente, rexistrar o real que nos rodea.

Que é Vidas mariñeiras?

É un programa pedagóxico que ofrece ao alumnado unha base teórico-práctica e unha formación en técnicas audiovisuais destinada á posta en valor dos oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa.

O programa contempla a selección, titorización e desenvolvemento de varios proxectos cinematográficos que darán como resultado unha serie de filmes representativos da vida e paisaxe na costa, nomeadamente a partir do retrato dos oficios vinculados ao traballo no mar.

Que busca?

  • A posta en valor do patrimonio material e inmaterial a partir do rexistro de accións e actividades das persoas que habitan a zona, da súa paisaxe, da súa actividade produtiva, etc.
  • Dotar ao alumnado dunha formación práctica e teórica básica que lle permita desenvolver con autonomía todas as fases de produción dun filme con ferramentas accesibles, desde a premisa de que o pensamento cinematográfico non precisa de grandes medios para concretarse nun filme.
  • Creación de grupos de traballo estables que dean continuidade ao programa e poidan asumir posteriormente encargas semellantes do GALP que supoñan un retorno á sociedade na que se insiren.
  • Fomento do traballo en equipo nunha disciplina cun gran potencial para desenvolver hábitos colaborativos no ámbito da creación artística.
  • Vinculación e reflexión sobre o territorio, co obxectivo de detectar e desenvolver cuestións, preocupacións, reivindicacións e valores comúns a todo o litoral.
  • No transcurso do programa o fomento da igualdade de xénero incorporarase de xeito transversal buscando a sensibilización sobre as desigualdades e o potenciamento do desenvolvemento integral do alumnado.

Como se desenvolve o proxecto?

1. Concurso de ideas

A primeira fase consiste nunha convocatoria pública dun certame. Trátase dun concurso de ideas que establecerá un prazo para a presentación de proxectos nos que se detallarán:

  • As persoas integrantes de cada grupo de traballo, cun mínimo de 5 e un máximo de 15 persoas por cada un.
  • Breve memoria que especifique a idea que se quere desenvolver.

Os proxectos mellor valorados participarán da segunda fase do programa, onde os grupos recibirán unha formación personalizada e poderán desenvolver a gravación e edición das súas pezas audiovisuais.

2. Programa de formación

Os grupos responsables dos proxectos mellor valorados recibirán unha formación persoalizada encamiñada á gravación e edición das súas pezas audiovisuais. A formación teórica, gravación, edición e posprodución desenvólvese en sesións de formación e titorización repartidas entre os grupos de traballo que cumprirán as seguintes etapas:

  • Formación teórica: visualización de fragmentos de filmes e reflexión sobre as súas solucións formais.
  • Bosquexo dunha escaleta de produción, supervisada e corrixida polo formador.
  • Gravación con material profesional dos planos e secuencias necesarias para cada filme.
  • Formación práctica en editores de vídeo e audio.
  • Edición do primeiro corte. Cada grupo traballará durante unha semana nunha primeira montaxe.
  • Presentación da edición definitiva.
  • Posprodución básica. Durante unha xornada, o formador realizará un traballo máis especializado de correción de cor e son de cada proxecto.